Ir al contenido principal

Dous días, unha noite. 8 de maio.

DOUS DÍAS, UNHA NOITE
(Deux jours, une nuit)
Auditorio de Cangas. 8 de maio de 2015. 21 horas


Dirección e guión: Jean-Pierre e Luc Dardenne.
Intérpretes: Marion Cotillard, Fabrizio Rongione, Pili Groyne, Simon Caudry, Catherine Salée, Batiches Sornin, Alain Eloy, Myriem Akeddiou, Fabienne Sciascia, Olivier Gourmet
Fotografía: Alain Marcoen.
Duración: 96 min.

SINOPSE

A empresa na que traballa Sandra vese obrigada a recortar gastos e ofrece aos obreiros dúas opcións: ou despedir a Sandra ou suprimir a bonificación de mil euros que cobra cada un deles. Unha maioría decídese polo primeiro. Pero a Sandra os seus xefes concédenlle unha última oportunidade. O luns repetirase a votación e Sandra e o seu home contan coa fin de semana para convencer a unha maioría de colegas para que se decanten ao seu favor renuncien á súa paga extra.




COMENTARIO

Os Dardenne forman parte dese olimpo de grandes autores cuxa carreira se configura a partir de variacións dunha mesma película. Pero, desde que gañaron a súa segunda Palma de Ouro co neno (2005), faise evidente certa vontade por explorar novos camiños na busca dun público máis amplo. No silencio de Lorna (2009) coquetearon por primeira vez con elementos máis propios do xénero, nun filme que adoptaba certa forma de thriller urbano para desenvolver unha historia ao redor das mafias que trafican con persoas. Mesmo esbozaron certa deriva cara ao drama máis convencional. No neno da bicicleta (2011), optaron por un ton máis luminoso para levar a cabo un conto de verán sobre a maternidade entendida como a asunción dunha responsabilidade que pouco ten que ver cos vínculos sanguíneos. Neste filme, os Dardenne ensaiaban un novo formato de reparto que agora repiten en Dous días, unha noite: unha combinación entre intérpretes recorrentes (Jérémie Renier, Olivier Gourmet ou Fabrizio Rongione) e actores non profesionais aos que se suma unha actriz famosa. Alí era Cecile de France, aquí a aínda máis internacional Marion Cotillard
Dous días, unha noite é unha clara reivindicación da importancia do exercicio da política e do dereito a decidir. Desde esta modesta votación, os Dardenne poñen de manifesto a urxencia de rexenerar os procesos democráticos e incentivar a participación neles, á vez que falan da necesidade de reactivar as redes de comunicación entre os traballadores e deixan claro que até o último voto conta. En lugar de organizar un mitin onde se proclamen vellas consignas, Sandra promove unha consulta entre os seus compañeiros, contacta con cada un deles para explicarlles a súa posición, escoita as súas reaccións e posturas, e acepta a decisión final. A protagonista recobra a súa autoestima como traballadora non tanto polo feito de gañar ou perder unhas eleccións que determinarán se acaba no paro, senón por ser capaz de levalas a cabo. A súa dignidade non vén determinada polo resultado final, senón pola decisión de loitar polo seu posto de traballo. Acábeo mantendo ou non.

Comentarios