Ir al contenido principal

Máis sobre Magical Girl

COMENTARIO Por Antonio Rodríguez Peña 


É realmente difícil sentar a comentar unha película que te deixa sen palabras e da que todo o mundo fala. Magical Girl é unha Rara Avis exótica, hipnótica e inclasificable, un desafío maiúsculo de impecable resultado envolvida dentro dun marco costumista na que todo é posible. Un microcosmos onde todo xira arredor de catro personaxes golpeados polos infortunios da vida. A catástrofe comeza con Luís, (Luís Bermejo) un profesor en paro que necesita diñeiro para que a súa filla Alicia (Lucia Pollán) consiga o seu soño, o traxe de Magical Girl Yukiko. Doutra banda Bárbara (Bárbara Lennie) non quere perder ao seu marido e Damian (José Sancristán) quere axudala para que isto non ocorra. Uns personaxes extremadamente fráxiles que viven nun universo decepcionante en busca de soños mundanos, cheos de angustias, de amargura e cuxas vidas se entrelazan polo azar do destino.

O novo filme de Carlos Vermut é orixinal. Do mesmo xeito que a gran Diamond Flash, a nova cinta do director madrileño non será ben recibida por aqueles que acudan ao cinema para desconectar ou ver algo lixeiro, isto é distinto, isto é Magical Girl, é a complexidade instalada dentro dun marco aparentemente simple, unha desas películas que dá gusto descubrir, na que os fallos brillan pola súa ausencia e o maior erro pode cometelo aquel que lea ou vexa querendo saber máis da conta antes de ir ao cinema. Parte do seu encanto radica en non saber co que nos imos a enfrontar e irnos respondendo preguntas a base de ir compondo un crebacabezas no que a última peza ten que colocala o espectador.

É unha película intima, de planos pechados, de actores iluminados pola luz de Racaj e a brillante dirección e guión de Vermut. Que conta cun reparto experimentado e o grandioso descubrimento de Lucia Pollán. 

Dividida en tres actos, “Mundo/Demo/Carne”, na primeira parte todo empeza cun emotivo Luís Bermejo que está sen dúbidas ante un dos mellores papeis da súa carreira cinematográfica, o actor de grande éxito teatral, ten a oportunidade de darlle vida a un personaxe deses aos que el sabe encarnar, un looser entrañable de mediana idade que se atopa metido nunha estrambótica situación para poder conseguir o desexo da súa filla, a sorprendente Lucia Pollan, que brilla con luz propia nunha rodaxe de pesos pesados, xogando á madurez anticipada. A relación entre pai e filla respira dor e tenrura, unha simbiose que dará pé ao detonante da trama.

No segundo acto entra en escena Bárbara Lennie, a nena de lume, unha carismática besta completamente desequilibrada cuxos caprichos a arrastran e arrastrará a todo o que a rodea ao máis profundo dos abismos. Lennie volve transformarse para ser un animal todopoderoso capaz de eclipsar á mismísima afrodita co seu magnetismo, unha interpretación brillante, monumental. Do mesmo xeito que Sacristán, que dá vida a un personaxe atormentado polo seu pasado cun sorprendente final. A este señor, os anos están a sentarlle mellor que a ninguén e resulta imprescindible para completar esta atípica traxedia grega. Un descenso aos infernos no que todos son heroes, antiheroes e viláns.


Comentarios