Ir al contenido principal

A moza do 14 de xullo

A MOZA DO 14 DE XULLO
Francia, 2013
Venres 20 de febreiro
Auditorio Cangas 21 h.
Dirección e guión: Antonin Peretjatko.
Intérpretes: Vimala Pons (Truquette), Grégoire Tachnakian (Hector), Vincent Macaigne (Pator), Marie-Lorna Vaconsin (Charlotte), Thomas Schmitt (Bertier), Serge Trinquecoste (Doctor Placenta), Esteban (Julot) e a participación de Albert Delpy e Bruno Podalydès
Dirección artística: Erwan Le Gal.
Produción: Ecce films, Emmanuel Chaumet.
Montaxe: Carole Le Page e Antonin Peretjatko.
Fotografía: Simon Roca.
Son: Julien Brossier, Julien Roiget, Martial De Roffignac.
Duración: 88 min



SINOPSE

É 14 de xullo, aniversario da toma da Bastilla en Francia. Héctor, vixiante do Louvre nas vacacións de verán, namórase perdidamente de Truquette, unha vendedora de guillotinas de miniatura coa que se cruza no famoso museo parisiense. A pesar de non coñecela, Héctor decide ir na súa procura, e para iso contará coa axuda dos seus amigos, cos que se percorrerá todo o país na estrada.
ANTONIN PERETJATKO
Despois de rodar as súas primeiras películas en Super 8, ao saír da escola Louis Lumière, empeza a rodar en 16 e 35mm. Así fai Changement de trottoir e French Kiss, preseleccionadas aos Premios César en 2004 e 2005.Pouco despois de empezar a escribir A moza do 14 de xullo,coa que consegue o nomeamento a Mellor Ópera Prima nos César, realiza varias curtametraxes e os making of de Un profeta e de De óxido e óso. De Jacques Audiard. Vive do cinema desde 2004.

COMENTARIOS

As vacacións de agosto son abolidas polo goberno francés como medida anti-crise no punto de partida desta enérxica comedia que cae na nosa carteleira coa oportuna contundencia dun lúdico golpe de guillotina. Precisamente, a guillotina convertida en souvenir inspira un gag recorrente que vai escalando en excesos, mentres a película engarza un acto de liberdade tras outro, reivindicando a forza revolucionaria da irreverencia como mellor defensa ante a desarticulación de todo sentido da comunidade. Debut na longametraxe de Antonin Peretjatko, autor de seis curtametraxes previas que este crítico anhela poder gozar algún día, A moza do 14 de xullo é unha das películas máis libres e menos formularias que chegaron, en data recente, aos nosos circuítos comerciais: a fundación dun rexistro realmente novo na comedia francesa que, no entanto, recoñece as súas claras débedas coa tradición da Nouvelle Vague.
Nesta historia dun vixiante de museo, cegado por unha moza en paro, que, en compañía dun desastrado médico clandestino e un socorrista con ínfulas de sedutor, percorrerá unha Francia abatida de lecer e animada de crispación desembocan os moitos afluentes lúdicos xurdidos do leito da Nouvelle Vague: do Zazie no metro (1960) de Louis Malle baixo o influxo de Raymond Queneau ao terrorismo cómico de Weekend (1967) de Godard, sen esquecer a psicoxeografía onírico-folletinesca de Jacques Rivette. Ao mesmo tempo, o ton inclemente pero sempre luminoso da película parece xogar, por momentos, a buscarlle as cóxegas á mitomanía un tanto melancólica dos que se recoñecen como descendentes contemporáneos do movemento. Cun estilo que é pura flexibilidade de trazo, Peretjatko propón unha frenética comedia de autor que se abre con toda unha declaración de principios ao acelerar imaxes documentais do desfile do 14 de xullo: a comedia é a velocidade do enxeño sobre o real.
Jordi Costa. El País

A mellor maneira de combater a crise na Francia de Hollande, vénnos a dicir Peretjatko nesta curiosa película, é o retorno ao espírito da vella nouvelle vague máis radical e libre. O cineasta non engana: xa ao principio, unha homenaxe á morte de Belmondo en À bout de souffle advírtenos que Jean-Luc Godard será norte e guía neste pastiche estival de estrutura e ton libérrimos. Unha comedia política coa joie de vivre como bandeira, áxil, multirreferencial, irregular aínda que tónica, simpática e refrescante. De verán.
Jordi Batlle. La Vanguardia

Comentarios