Ir al contenido principal

Proxección 23 xaneiro


ENCALLADOS
Galicia, 2013


Dirección: Alfonso Zarauza.
Intérpretes: Xulio Abonjo, Ricardo de Barreiro, Federico Pérez, Farruco Castromán, Luis Tosar.
Guión: Alfonso Zarauza Xosé Castro “Pato”, Andy Mahía.
Produción: Luís Tosar, Farruco Castromán e Pizca Gutiérrez.
Fotografía: Albero Diaz “Bertixi” (AEC).
Montaxe: Adrián Pino.
Música: Robi C. Goday, Raquel Vilas Zarauza.
Duración: 65 min.

SINOPSE
Por debaixo dunha historia louca de tres autores á busca de guión para facer unha película sobre o Prestige con catro pesos, apunta a como é un país que non foi quen de realizar unha boa ficción cinematográfica sobre unha das peores catástrofes ecolóxicas da historia. E faino sen complexos, a través do relato do propio fracaso. Da propia impotencia. Que é a da industria audiovisual tamén. Malia que, finalmente, as cousas van saíndo.


ENTREVISTA CON ALFONSO ZARAUZA
por Montse Dopico (Montsedopico.com)

Acolliches as nominacións para os Mestre Mateo agradecido pero escéptico. Por que?
Exactamente, agradecido e en certo modo contento porque é un orgullo estar entre os traballos máis apreciados do ano, pero ao mesmo tempo escéptico e entristecido porque non hai que ser moi sagaces para entender que unha parte importante das nominacións son bochornosas e absurdas, algunhas incluso perto do ridículo… E non me estou queixando polo noso filme en concreto que saíu bastante ben parado, senon pola imaxe da profesión en xeral. As votacións transmiten unha profunda falta de rigor e de respecto por moitos traballos que quedaron fóra sen ningún criterio obxetivo. Como xa publiquei nalgunha rede social, hai moito amiguismo de parvulario e moi pouco rigor profesional, e esto é moi malo para a imaxe do noso sector, se nós mesmos non nos tomamos en serio non podemos esperar que o fagan os demais.

O filme é ben curioso, por certo.
Todo o que conta é verdade. É unha película moi sincera, que ten moitas capas, polo que se pode ler de distintas formas. É máis complexa do que pode parecer. Cando les os créditos enténdelo ben todo: todo o que che contaron é certo. O guión, a produción…, todo o proceso está metido dentro da película. Os personaxes son os autores da película. Xulio Abonjo son eu, Federico Pérez é Pato, Ricardo de Barreiro é Andy e Farruco Castromán fai del mesmo.

Como comezou a aventura, entón?
Foi un proxecto que naceu na época do bipartito, que lle encargou á produtora de Luís Tosar, Zircozine, un filme sobre o Prestige. Cando me encargaron que o dirixise, ao principio dixen que non: o orzamento era pequeno, non había tempo… Ao final escribín un guión co fillo de Pisca Gutiérrez, a representante de Tosar, sobre o proceso xudicial do Prestige. Tiñamos unha axuda da Xunta. Despois, o proxecto quedou un tempo no limbo. Non a comprou a TVG, non había financiamento…

No filme, Farruco ameázate con sacar orzamento de ‘Os Fenómenos’ se ten que devolver esta axuda da Xunta.
‘Os Fenómenos’ demorou uns meses porque Lola Dueñas foi contratada para ‘Los amantes pasajeros’. Entón Farruco díxonos que tiñamos que retomar este proxecto, porque senón había que devolver a subvención, e así foi…

Na presentación, fálase dos problemas financeiros da industria cinematográfica e dun sistema de axudas pouco operativo. Agárdase, por iso, outro tipo de película…
En realidade, a película fala dunha crise, a da industria do cine, dentro doutra crise. E, como dicía antes, ten moitas lecturas posibles. Hai crítica ao sector, ao país e a min mesmo.

A autocrítica está, desde logo. Ris de ti mesmo cando no guión se di que Alfonso Zarauza é ese director que fixo ‘A noite que deixou de chover’, que non a viu ninguén. E que non había outro director mellor…
Rindo dun mesmo, podes permitirte rir tamén dos demais. Facer só crítica dos demais sería cínico. Non se trata tampouco de rir do país, senón de analizar como somos. Porque parece que non somos capaces de facer unha película sobre o Prestige. Entón, que tipo de país é o que non é quen de facer cinema sobre desgracias propias como o Prestige? Así, baixo a frivolidade dos tres parvos dando voltas, hai capas máis profundas.

Acaba de saír unha sentenza que indica que xa se pode afundir outro petroleiro, que non hai problema. Aínda que o filme non agocha, tampouco, cuestións espiñentas como a da xente que chegou a dicir que quería outro Prestige porque vivía mellor coas axudas da Xunta e sen ir ao mar.

Foi moi duro. Eu estiven en Burla Negra, en Nunca Máis… é moi triste, e despois de dez anos non podemos esquecer. O Prestige foi un unha traxedia que sacou o mellor e o peor do noso pobo, a súa grandeza e a súa miseria. Unha catástrofe provocada pola neglixencia de políticos que volven estar moi de actualidade, que agocharon a realidade co seu cinismo…

Os tres amigos buscan, e debaten, ideas peregrinas sobre como tratar o tema do Prestige desde a ficción. Unha historia dunha merda que cae por unha xanela…
E así foi. Fixemos uns primeiros tanteos, pero descartamos ideas porque eran parvadas. E ao final optamos por contar a historia do noso propio fracaso. Narrar a nosa impotencia, o noso drama: como fomos quedando encallados, nós mesmos, e tamén como país.

A historia non avanza ata ese punto. Os protagonistas discuten se o cinema é sempre ficción, se a ficción pode contar a verdade…
Hai un momento no que eu entro en crise e quero abandonar, porque non quero facer unha ficción insubstancial e tópica. Pato e Andy non entenden o que eu quero, e acabamos discutindo. Eu quería facer algo honesto, contar a verdade. Debatemos sobre o tema: unha nonficción pode ser mentira, unha ficción pode ser verdade… Foi duro, a verdade. Eramos moi amigos e seguimos séndoo, pero houbo momentos moi difíciles. En conxunto, foi un proceso moi bonito. E a verdade é que estou moi orgulloso desta película. ‘Os Fenómenos’ é unha película máis traballada, pero tamén ten un orzamento moitísimo maior. E a verdade é que é menos complexa que ‘Encallados’. O tema segue a ser o Prestige, pero tratado de forma metafórica, contando a nosa historia.

Optaches polo branco e negro. A fotografía é moi bonita.
Sufrín bastante para conseguir esa imaxe. Loitei moito, tamén, por facer a película en galego. Aínda hoxe, no século XXI, hai que loitar por facer as películas en galego. Pero eu son moi de pelexar… Tamén están parte dos diálogos en castelán, e iso está feito adrede. Porque sería cínico negalo: o meu galego é acastrapado, parte das conversas son en castelán… Se do que estou a falar é de como é o país, iso é unha forma de reflectir o pouco compromiso que temos, moitas veces, coa lingua. Por iso esa frase de “Yo prefiero galego”. Porque o país é así.


Hai moitos, moitos “cameos” .
É verdade, si. E Luís foi moi xeneroso. Rimos de nós mesmos… O bonito que ten o humor é que pode ser unha forma intelixente de facer autocrítica. Non se trata de risa fácil e nada máis.

Un dos motivos de discusión entre os tres amigos é que non comprenden o que Alfonso quere. Dinlle que o seu problema é que quere ir de ‘guay’ polos festivais de cinema independente. É duro, cando menos
.
Eu vivín un proceso duro coa miña primeira película. Foi moi longo, deixei polo camiño relacións persoais e cartos, e non chegou a distribuírse o filme, non se sabe moi ben por que. E, claro, foi facer unha película para que non se vexa. Eu son consciente da miña traxectoria e do pouso de amargura que me foi deixando. Pero tamén foi unha aprendizaxe. E todo isto reflíctese neste filme. A irrupción do Novo Cinema Galego foi o máis importante que pasou no audiovisual nos últimos dez anos, pero pasou inadvertido para moita prensa e para moitas institucións públicas.

Son certas tamén as conversas de Farruco coa Consellería de Cultura?
Eu quería poñer nomes pero aí xa me dixeron que non… Pero é así como se fan as cousas co sistema de axudas. E para min o máis importante é contar a verdade. Aínda que ás veces sendo máis sutil pódese dicir o mesmo, utilizando a ironía. Con frases como esa de “que si, que se puede hacer una película del Prestige con cuatro duros”.

A zona vella de Santiago sae moi ben. Os lugares son recoñecibles. Mais tampouco hai moita toma tipo postal turística.
Se nos visen gravar… Os actores levaban combinacións de cores de roupa ridículas, para que despois quedase ben en branco e negro. Os escenarios son tan reais que o piso que sae na película, a que se supón que é a miña casa, era a miña casa de verdade naquel tempo. De igual xeito que son verdade os bares aos que iamos… Quedou todo moi fresco, bonito… Estou moi contento co resultado, que é moi bo, sobre todo tendo en conta os poucos recursos que tiñamos. Foi un auténtico reto. Tiñamos só unha ou dúas tomas por plano: non había nin máis tempo nin máis metraxe para repetir. O guión foi feito en dúas semanas, tiñamos unha soa cámara de cinema para gravar todo… Así que tiñamos que conseguir trasladar toda a información a través do encadre, da posta en escena dos actores… Eu creo, ademais, que cando hai demasiadas cámaras e moitos planos pérdese a visión do director.

O tratamento da luz non debeu ser fácil.
Apostamos por non levar iluminación e utilizar a luz natural. Porque quería conservar esas texturas antigas, esa imaxe granulada e non limpa. Utilizamos unha cámara de 16 milímetros con ópticas dos anos 70. Creo que quedou moi auténtico. O traballo da dirección de arte foi moi arriscado e moi valente.

E como foi o traballo cos actores?
Estiveron moi entregados, e foron moi valentes ao aceptar o reto que lles propoñía. Houbo moi bo “rollo”. A proposta era arriscada e podía saír todo ben ou saír fatal. Foi un traballo difícil tamén.

Mira que mexarlle enriba ao santiño… Xa vos vale.  
A verdade é que moitas parvadas que se nos ocorrían foron incorporadas á película porque, como che dicía, a idea era contar a verdade…

Como pensas distribuír, desta volta?
Pois pouco a pouco e cidade por cidade. No verán polas vilas…

‘Os Fenómenos’ vai competir na sección oficial do Festival de Málaga. Que queres contarnos con ese filme?
Con ‘Os Fenómenos’, quería falar da crise do ladrillo desde unha óptica feminina, a dunha muller cun fillo que ten que cambiar de vida e volve á súa terra, Galicia. Alí atopa traballo na construción, na época do boom, pero despois comeza a crise. O obxectivo é criticar aos que saíron triunfantes, os banqueiros e os políticos, pero tamén propoñer unha reflexión sobre por que aos cidadáns nos pasou isto. E isto ten que ver co engano no que caemos, o consumo, as falsas necesidades materiais que nos impuxeron. A película reflicte tamén a destrución da paisaxe: o feísmo, o brutalismo, cuns personaxes nada idealizados, senón cribles. A maior parte do tempo falan en galego, o cal pode complicar a distribución, pero tiñamos claro que tiña que ser así.

Comentarios