Ir al contenido principal

Proxección do 5 de decembro



5 de decembro

O FILLO DO OUTRO

Dirección: Lorraine Lévy.
Intérpretes: Emmanuelle Devos (Orith), Pascal Elbé (Alon), Jules Sitruk (Joseph), Mehdi Dehbi (Yacine), Areen Omari (Leïla), Khalifa Natour (Saïd).
Montaxe: Sylvie Gadmer.
Produción: Raphaël Berdugo y Virginie Lacombe.
Guión: Lorraine Lévy, Nathalie Saugeon e Noam Fitoussi; basado nun argumento de Noam Fitoussi.
Fotografía: Emmanuel Soyer.
Música: Dhafer Youssef.
Duración: 105 min.


SINOPSE
Cando se prepara para entrar no exercito israelí, Joseph descobre que non é fillo biolóxico dos seus pais. Ao nacer, no medio da guerra, foi intercambiado accidentalmente por Yacine, o bebé dunha familia palestina que vive nos territorios ocupados de Cisxordania.

O mundo derrúbase arredor destas dúas familias. O rexeitamento, a dúbida, a perda de identidade, os prexuízos de raza e relixión eríxense como espiñenta barreira nas súas vidas, e todos deberán tentar superala a través da comprensión, a amizade e a reconciliación nunha atmosfera dominada polo medo e o odio.

COMENTARIO de Oti Rodríguez Marchante. ABC
O ODIO AO SANGUE DE UN MESMO

Ten a prudencia de non escorarse no seu discurso, de presentar máis que preguntas que respostas e de mirar con afecto a ambos os dous lados.


Do boi xa o sabemos polo refraneiro popular, que non é de onde nace senón de onde pace, pero, no tocante ao ser humano, sempre queda unha dúbida razoable respecto diso. Dúbida que tentou aclarar na súa última e magnífica película o xaponés Kore-eda, «De tal pai, tal fillo», mediante un retrato de dúas familias que intercambian por azar os seus fillos ao nacer. Exactamente o mesmo dilema que expón esta película da francesaLorraine Lévy, que se ve acentuado por dous detalles: os fillos intercambiados son xa adultos e as familias son a dun militar israelí e a duns palestinos en territorio ocupado, co que o dilema pasa a ser non tanto de índole de identidade familiar ou xenética como de índole de identidade política e de sentimento de raza, patria e relixión.
O que pretende «O fillo do outro», ou talvez a directora apellidada Lévy, é que a confrontación que existe entre eses dous sentimentos de pertenza tan tóxicos e irresolubles se crucen e se acomoden a esa especie da vida dos outros e prevaleza, a pesar de todo, o drama doméstico, caseiro, de nai que adecúa a súa mirada, os seus prexuízos. E para iso adquire importancia vital a figura dos pais, a gran actriz Emmanuelle Devos, Pascal Elbé, Areen Omari e Khalifa Natour.
E como é previsible que ocorra nun asunto que realmente escorrega do dramático ao tráxico, a película non perde a ocasión de que a súa historia, tan atada argumentalmente, percorra ese mesmo camiño. É dicir, non evita o inevitable, pero ten a prudencia de non escorarse no seu discurso, de expor máis preguntas que respostas e de mirar con afecto a ambos os dous lados.

O outro fillo (Título en Arxentina) por Fernando López. La Nación

"Eu son o meu peor inimigo", dise Joseph Silberg, e dio literalmente, non porque percibise en si mesmo unha tendencia a boicotearse. Ao pasar o exame médico para o servizo militar, soubo que non é fillo biolóxico dos seus proxenitores senón dunha parella palestina de Cisxordania. Cando naceu, nunha noite de bombardeo en Haifa, dous bebés que deberon ser evacuados terminaron sendo intercambiados por erro. El foi a parar a un fogar xudeu; o outro, Yazine, a unha familia árabe.

Xa non hai volta atrás, os dous rapaces -e as súas respectivas familias- ven obrigados a enfrontar este dilema sen saída ao que os levou o destino. Para os adultos, especialmente para os homes, a situación parece irresoluble: a historia, a educación, os vellos rancores levantan un muro máis infranqueable que o que separa un territorio doutro; as mulleres, en cambio, parecen máis dispostas a revisar os seus prexuízos; á fin e ao cabo trátase de fillos: o que deron a luz hai anos e só agora van coñecer, e o que tiveron nos seus brazos e formou parte das súas vidas desde o primeiro día.
Para os mozos tampouco é sinxelo. Palestino amado e criado por xudeus un, xudeu amado e formado por palestinos o outro, aos poucos tentan percorrer o único camiño posible para botar abaixo a barreira da rivalidade: coñecerse. Os dous descubrirán canto hai de común entre eles aínda que arredor súa outros vexan con malos ollos este achegamento co que onte se percibía como o peor inimigo. Agora que a vida os instiga a colocarse no lugar do outro, a comprender os seus pensamentos e os seus sentimentos, non será difícil recoñecerse, por riba de todo, como seres humanos.
A directora francesa de orixe xudea elixiu o drama familiar para abordar o conflito palestino-israelí e en certo sentido tamén elixe o camiño dos mozos. Ao levar a cada un a integrarse no mundo do outro, ao mostrar a súa cotidianeidade, ao expor a súa intimidade, os seus soños, as súas esperanzas, o filme está a sinalar que esa aproximación, ese coñecemento a nivel persoal, é o camiño máis directo cara á comprensión. Poida que a visión de Lévy resulte demasiado optimista -de feito acusárona de utópica-, pero é necesario destacar que a súa película non cae en sentimentalismos fáciles e, en cambio, alcanza forte emoción en esceas como da do rabino ou na sabia reflexión do maduro Yazine cando convence a esa especie de novo irmán que acaba de gañar que só el será o responsable de elixir que vida quere vivir.

Comentarios