Ir al contenido principal

Levántase o vento


Venres, 21 de novembro de 2014 
21 h. Auditorio Municipal
LEVÁNTASE O VENTO


Dirección: Hayao Miyaxzaki.
Produción: Toshio Suzuki.
Guión: Hayao Miyazaki.
Música: Joe Hisaishi.
Duración: 126 min.

SINOPSE

Un mozo entusiasmado pola aviación, con problemas de vista que lle impediron ser piloto, converteuse no creador dos avións cos que Xapón combateu na Segunda Guerra Mundial. Inspirada na historia verdadeira de Jiro Horikoshi, o mestre xaponés da animación Hayao, Miyazaki construíu un filme (anunciado como o último da súa carreira) no que a súa visión fantástica aterra nas duras condicións dun país en pé de guerra. Todo iso cun realismo pouco común na súa obra.



COMENTARIOJesús Jiménez. rtve.es/noticias

MIYAZAKI INVÍTANOS A VOAR

"Le vent se lève! . . . il faut tenter de vivre!" ("Érguese o vento!…hai que intentar vivir!"). Esta frase do poeta e filósofo francés, Paul Válery, unha meditación sobre a morte e a conclusión de que hai que gozar da vida, é o leit motiv da película, centrada na vida de Horikoshi, o seu soño de crear un avión e a súa bela historia de amor con Nahoko Satomi, outra das mulleres fortes habituais no cinema de Miyazaki. E é que o realizador se contaxia, e contáxianos, do romanticismo dos soñadores.

Por iso o filme esta dividido en dúas partes diferenciadas: a onírica, que nos narra os soños do seu protagonista por conseguir a liberdade que supón voar, e a parte real na que vemos a súa loita por construír ese avión e aproveitar todo o posible a súa historia de amor. Dúas partes claramente diferenciadas visualmente, xa que a realidade de Horikoshi, está narrada en tons ocres e atmosferas funestas; e os soños do protagonista sempre teñen como escenario os campos coa herba movida polo vento e eses ceos azuis cheos de nubes de algodón que se desfán cando os atravesan os avións. Por certo que neses soños sempre se atopa outro soñador, o pioneiro da aviación italiana Giovanni Battista Caproni, co que debate se é lícito perseguir eses soños sabendo que outros poden convertelos en pesadelos.
Unha historia na que todo está relacionado co vento e coa meteoroloxía, destacando os personaxes que se moven dun lado a outro como follas, á vontade do vento, salvo o protagonista, que sempre está comprometido co seu soño.
Destacan esas espectaculares escenas de vóo que xa son un clásico na filmografía de Miyazaki, desde os voos de Porco Rosso até os do dragón de A viaxe de Chihiro, e que aquí son máis poéticas e belas que nunca.
Baseada nunha novela
A película está baseada nunha novela do escritor Tatsuo Hori, que conta a historia do enxeñeiro aeronáutico mozo Jiro Horikoshi, co terremoto que destruíu Xapón en 1923 como fondo, xunto á posterior crise e a Segunda Guerra Mundial. Miyazaki relata a obsesión de Horikoshi polos avións e a súa historia de amor con Nahoko Satomi. E faino cun realismo moito maior ao habitual nel e con toques da maxia que fixo famosos os seus filmes, así como as súas vivas cores e a fermosa música que sempre os acompaña. E uns efectos de son espectaculares.
Este filme é o primeiro que os estudos Ghibli fan baseándose nunha historia e personaxes reais. Por certo que Miyazaki recoñece que se inspirou en Horikoshi desde que era novo e tiña a súa historia "encerrada no corazón" e quería contala.
Outro dos pensamentos que sobrevoan por toda a película é o de que cada ser humano ten un único decenio de creación, Miyazaki sempre repite que para el xa pasou, pero en vista dos excelentes resultados de O vento levántase esperamos que Miyazaki reconsidere a súa decisión e siga facendo voar a nosa imaxinación.
De momento convídanos a voar, a vivir, con esta gran película.
O vento levántase foi candidata ao Óscar á Mellor Película de animación.

Comentarios