Ir al contenido principal

Película do 23 de maio

UNHA FAMILIA DE TOKIO
XAPÓN, 2013
23 de maio, ás 21 horas no Auditorio de Cangas





Espiga de Ouro á Mellor Película na Seminci 2013.

Dirección: Yôji Yamada
Guión: Yôji Yamada e Emiko Hiramatsu.
Intérpretes: Isao Hashizume (Shukichi Hirayama), Kazuko Yoshiyuki (Tomiko), Satoshi Tsumabuki (Shuji), Yû Aoi (Noriko), Yui Natsukawa (Fumiko), Masahiko Nishimura (Koichi), Tomoko Nakajima (Shigeko), Shozo Hayashiya (Kurazo).
Fotografía: Masashi Chikamori..
Montaxe: Iwao Ishii.
Música: Joe Hisaishi.
Duración: 146 min.

Sinopse
Unha parella de anciáns que vive nunha pequena illa viaxa a Tokio para visitar aos seus tres fillos. O máis vello, Koichi dirixe un hospital. A filla, Shigeko dirixe un salón de beleza. O segundo, Shuji, deseña decorados. Os fillos queren que os seus pais se divirtan na capital, pero ao mesmo tempo están ocupados nos seus traballos, deixando que os seus anciáns pais se sintan algo incómodos. Pero pronto cambia todo. 

Unha homenaxe de Yôji Yamada a Contos de Tokio de Yasujiro Ozu, elixida por directores de cinema en 2012 como a mellor película da historia do cinema.

Comentario

Julio Rodríguez Chico. Blog La mirada de Ulises
Hai sesenta anos, Yasujiro Ozu acadaba a perfección con Contos de Tokio. Agora, o seu discípulo e compatriota Yôji Yamada fai o propio con Unha familia de Tokio. Contan a mesma historia, e ambos filmes fano coa mesma delicadeza e fondura humanista, coa mesma mirada nostálxica -pero non triste, aínda que pareza paradoxal- cara a unha tradición que se foi, co mesmo temor a que a modernidade murche a vida familiar. O que Yamada realiza é unha recreación e unha homenaxe ao mestre Ozu, pero non unha copia carente de personalidade ou de sentimento propio, e por iso calquera comparación resultaría inxusta e superficial. En realidade, parece que a historia se repite e que un matrimonio ancián volve viaxar a Tokio para atoparse cos seus tres fillos. Alí descubrirán que os tempos cambiaron, que as múltiples ocupacións convértenos nunha carga, que o final dos seus días se achega.
Pero tamén coñecerán á entrañable Noriko que, con agarimo e espírito de servizo, achega paz e esperanza nese mundo de vertixe que parece esquecerse de ser feliz.
É unha viaxe a Tokio e tamén a unha humanidade en perigo, contemplada sen présas e con toda a comprensión duns anciáns que non lle piden nada á vida e que se contentan cun pouco de afecto. É unha auténtica viaxe de despedida feita desde o corazón e desde a sinxeleza do mestre Ozu, cunha estética e unha sensibilidade que Yamada herda para goce do espectador. Non faltan os momentos para a emoción, aínda que toda ela é un agasallo aquilatado e atemperado pola sabedoría, pausado e sen estridencias nin artificios. Yamada imprime á cinta o selo do auténtico e do sincero, con personaxes próximos aos que comprende e quere -aínda que non na mesma medida-, cun matizado debuxo de caracteres realizado con finura e elegancia.
As interpretacións están á altura do modelo clásico, e o espectador sente con eles que imos demasiado rápido pola vida, que non percibimos a beleza do natural, que a familia está ameazada en Tokio e nas súas antípodas.
A fita goza, por outra banda, dun ritmo e tempo apropiados para a contemplación. Equivocaríase quen pensase que carece de ritmo ou que é aburrida. Certamente non hai persecucións nin pelexas, pero recolle con forza e sutileza todo o que sucede na alma
dos seus personaxes e na dunha sociedade… que avanza sen rumbo. O que fai Yamada, en definitiva, é convidarnos a coñecer á familia de Shukichi Hirayama e Tomiko, a participar das súas preocupacións e dos seus consolos, a darnos un pouco de esperanza... porque sempre queda un rescaldo de humanidade e sempre haberá unha Noriko para lembralo. O seu carácter de recreación non impediu que alcanzase un eloxio unánime entre a crítica presente na última Seminci, nin que recibise merecidamente a Espiga de Ouro como mellor película. Sesenta anos despois, vemos que desde Xapón chega un novo milagre de cinema e unha invitación a aprender a ver o cinema e a vida.
Cualificación: 9/10

Comentarios