Ir al contenido principal

Máis críticas de MUD

Deixámosvos a crítica que publicou en Sermos Galiza Andrés Castro.


CRÍTICA
Terceira incursión de Jeff Nichols tras o drama psicolóxico multi-premiado e aclamado pola crítica “Take Shelter” (2011) e a opera prima non estreada “Shotgun Stories” (2007). Ambas co seu actor fetiche Michael Shannon de protagonista. En “Mud” tamén aparece, pero nun papel secundario deixando o papel principal a un esforzado Matthew McConaghey que trata de demostrar as súas dotes de actor. O intento está ben pero por algunha razón non nos acabamos de crer moito a personaxe que interpreta: un prófugo cun dente roto e cigarro en riste. Aínda que o intenta, a súa interpretación achégase máis a un aceno descomposto que a unha actuación propiamente dita. O propio Shannon, para os dous minutos que aparece, dálle mil voltas; por non amentar ao mítico Sam Shepard que se come cada escena só coa súa presenza. Para completar o grupo de actores tamén figura Reese Witherspoon nun papel secundario, pero ao mesmo nivel de McConaughey. Os rapaces protagonistas son unha sorte de Tom Sawyer e Huckelberry Finn das beiras do Mississippi con reminiscencias dos cativos de “A Costa dos Mosquitos” (1986, Peter Weir) e “Conta comigo” (1986, Rob Reiner). Están ben e son do máis destacado da película; porén, están un pouco desaproveitados.
Cámara non intrusiva
Como acertos tamén temos unha impecable fotografía a cargo de Adam Stone, habitual até o de agora desde os comezos de Nichols. Capta á perfección o ambiente sureño pero patina nas escenas nocturnas cos recorridos, e pouco realistas, focos de luz. Iso si, a maioría do tempo a cámara non é intrusiva, senón un mero acompañamento da acción coma observador. Nichols opta novamente por una dirección de ton pausado e narración serena onde importa máis o que non se di que o que se di pero, a diferenza dos seus filmes predecesores, deshonra este bo facer e fai unha concesión ao gran público volvéndose explicativo de máis a medida que avanza a historia.
Metáfora do río como vida que se materializa nun final excelente que nos fará pensar
A trama desenrólase entre varios xéneros: é un drama con toques románticos, de cine negro, reminiscencias do xénero de aventuras, e mesmo cunha pincelada de western. Afonda nos amores obsesivos e destrutivos, aínda que desde un punto de vista un tanto misóxino, a amizade e o espertar adulto dun adolescente que se dá nos fouciños coa realidade máis cruenta. Uns pais que se separan, os primeiros desenganos ou o cambio dunha mentalidade inocente a unha máis adulta. A personaxe de Mud tamén ten que espertar da súa fantasía persoal de neno adulto con pistola e camisa da sorte, para aceptar a cruenta realidade aínda que lle pese.
Metáfora do río como vida que se materializa nun final excelente que nos fará pensar aínda que é tan sutil e tan pagado de si mesmo que non chega a callar todo o que podería facelo. Factura impecable e indubidable talento nunha historia que gustará aos que busquen algo orixinal, pero defraudará un pouco os que esperaban algo máis tras a agradable sorpresa do ano pasado que foi “Take Shelter”. En calquera caso, trátase dunha inmellorable opción para escapar dunha carteleira enchida de películas comerciais.

Comentarios