Ir al contenido principal

Semana moi cinéfila. Xoves 30 e Venres 31

Lembrade que o xoves 30 temos Entreparadas, o docudrama de Toño Chouza e o venres volvemos con...


Venres, 31 de xaneiro
21 horas Auditorio Cangas
TABÚ


Dirección: Miguel Gomes
Intérpretes: Teresa Madruga, Laura Soveral, Ana Moreira, Henrique Espírito Santo, Carloto Cotta
Guion: Miguel Gomes e Mariana Ricardo
Fotografía: Rui Poças
Montaxe: Telmo Churro, Miguel Gomes
Produción: Luís Urbano, Sandro Aguilar
Duración: 118 min.

SINOPSE
As protagonistas son uunha vella e temperamental señora, a súa criada caboverdiana e unha veciña moi dada ás causas sociais. Tras a morte da primeira, as outras dúas coñecen un episodio do seu pasado: unha historia de amor, crime e aventuras ambientada en África.

COMENTARIO de labutaca.com

En 1931, dous dos directores capitais do cinema mudo, F.W. Murnau e Robert Flaherty, unían forzas en Tabú, traxedia romántica na que confluían tanto a mirada constante do primeiro cara aos efectos perniciosos da civilización como a poderosa sedución do segundo pola natureza coa que choca. O diálogo entre ambos os cineastas daba lugar a unha das pezas máis belas da época silente, un fermoso e afastado precedente do Terrence Malick das paisaxes micronesias condenadas a testemuñar a autodestrución humana.

Daquel orixinal, o portugués Miguel Gomes a penas toma prestado o título e unha certa nostalxia polo paraíso perdido para o seu excelente Tabú. De difícil clasificación, a de Gomes é unha insólita e laberíntica obra na que pode lerse tanto un ensaio sobre a melancolía post-colonial como unha insinuada tese sobre a conexión das almas ou mesmo a crónica dunha paixón prohibida como reescritura das memorias de Karen Blixen. Todas esas lecturas son posibles a partir dun díptico que enfronta, en respectivos formatos de branco e negro de 32 e 16 mm., o relato actual dunha anciá burguesa que na súa soidade sospeita da bruxaría da súa criada, e o seu pasado nunha África suorenta, granulada e apta para o desexo sen a moral estrita do primeiro mundo. No primeiro, unha solitaria veciña -unha Teresa Madruga que non podería dicir máis con menos- identifícase co mesmo pesar polo perdido, descargado máis aló da lóxica en idénticas bágoas que choran no “You Will Be My Baby” de Lles Surfs. No segundo, unha voz narradora superponse ás imaxes enmudecidas do recordo, expresión belísima dun pretérito embalsamado e idealizado como toda gran historia de amor.
Nas interrelacións entre ambas as partes, fráguase o misterio dunha película en cuxa narrativa única un pode identificar o tempo anterior -aquí un continente, un país innominado- como ese tesouro insensato e cheo de pantasmas amadas que pactan con bestas milenarias. Coma se os espectros errantes de Apichatpong Weerasethakul se reencarnaran no crocodilo inaugural de A delgada línea vermella ao son dunha canción dos anos 60. Nesa conciliación imposible de formas terreais e espirituais é onde Tabú se nos revela con maior lucidez como a xoia que é, complexa e penetrante, diáfana na na súa cartografía das emocións e contradicións dacabalo entre un pasado e un presente en permanente conflito.

Comentarios