DESPOIS DE MAIO
Francia
Auditorio Municipal de Cangas, 21 horas
Dirección e guión:Olivier Assayas.
Intérpretes: ClémentMétayer (Gilles), Lola Créton (Christine), Félix Armand (Alain).
Fotografía: Eric Gautier.
Produción: Charles Gillibert, MarinKarmitz e Nathanäel Karmitz.
Montaxe:Luc Barnier.
París, principios dos anos 70. Gilles, un mozo estudante, está inmerso na efervescencia política e creativa da época. Como os seus compañeiros, debátese entre o compromiso radical e as súas aspiracións máis persoais. Os encontros amorosos e os descubrimentos artísticos levarán a Gilles e aos seus amigos primeiro a Italia e despois a Londres. Ao longo desta viaxe vital veranse obrigados a tomar decisión cruciais para atopar o seu sitio nunha época turbulenta.
Despois de Maio é un filme propulsado, en parte, polo exercicio retrospectivo que supuxo a súa carta á viúva de Guy Debord. Assayas volve a vista á súa mocidade e converte a Gilles, un estudante de instituto con vocación de pintor como foi el mesmo, no eixo do filme. Pero, lonxe de centrarse nun retrato individual, o director de Irma Vep abre o cadro para ofrecer un fresco moi detallado da xeración postsesentaeoitista. Hai en Despois de Maio unha clara vontade de ir máis aló da mera ambientación de época. A cámara detense con
atención fetichista nos xornais e fanzines que len ou editan os protagonistas, as follas voandeiras que distribúen, os carteis que pintan ou os discos que escoitan. Tamén se fai eco das disputas entre grupúsculos políticos estudantís nuns anos en que un matiz político era motivo de escisións sanguentas e debates acesos. E se as bandas sonoras dos filmes de Assayas se caracterizan por evitaren calquera uso meramente ilustrativo das cancións dunha época, aquí en cambio cínguese con precisión de documentalista aos grupos e temas que el escoitaba naquel momento.
Comentarios
Publicar un comentario